Saltar o menú de navegación e ir ao contido
2011-12-01
Madrid, 1 de decembro do 2011.- EROSKI pon en marcha hoxe a campaña infoXogo para asesorar os adultos á hora de mercaren xoguetes, información necesaria que se tira das conclusións dun estudo sociolóxico elaborado por EROSKI CONSUMER sobre os hábitos de compra de xoguetes dos españois.
Os resultados deste estudo presentouno hoxe en Madrid Alejandro Martínez Berriochoa, Director de EROSKI CONSUMER, quen manifestou que "aínda que o papel dos nenos é determinante na elección dos agasallos, cómpre que os adultos sigan algúns criterios básicos para atinar ao máximo na compra". Ademais, puxo de manifesto que "a elección dos xoguetes, aínda que ben intencionada e reflexionada, pode ser finalmente errada pola falta de información".
Segundo este estudo, o papel dos nenos na elección dos xoguetes é moi determinante, xa que o 74% dos adultos compra os xoguetes que elixen os nenos, e son os homes os que se deixan influenciar máis polas decisións dos cativos.
O Nadal é a época do ano de maior compra de xoguetes, seguida de ocasións especiais como aniversarios, comuñóns, etc. Os españois cada vez anticípanse máis á hora de faceren estas compras, xa que máis do 50% dos adultos enquisados afirma realizalas cun mes ou máis de antelación. As mulleres e as persoas de máis de 44 anos son as que máis se anticipan, fronte aos homes novos, que mercan con menos dunha semana de antelación.
Ademais, a maioría dos adultos prefiren comprar xoguetes útiles (69%), que non sexan caros (13%) ou con desconto (11%). O 60% dos adultos considera que tamén é importante que o xoguete conteña a marca CE, que garante que o xoguete se axusta ás normas de seguridade e que cumpre a normativa vixente da UE.
Os xoguetes máis mercados son, con diferenza, os educativos (72%), seguidos das manualidades (37%), videoxogos (25%), xoguetes deportivos (21%), bonecos e peluxes (20%), xoguetes eléctricos (13%) e outros. Neste sentido, as consolas e os videoxogos seguen a ser un dos agasallos estrela do Nadal, malia a crise.
No tocante ás influencias externas á hora de elixir xoguetes, máis do 67% dos adultos considera que a cantidade de publicidade nestas datas é excesiva e o 56% coida que ademais é enganosa. O 97% dos enquisados considera tamén que os nenos teñen demasiados xoguetes, aínda que non cren que isto sexa positivo.
Para rematar, do estudo tírase que 1 de cada 4 enquisados se sente desorientado a miúdo á hora de valorar a adecuación e idoneidade dun xoguete, e iso, unido aos estereotipos, ás ideas preconcibidas e á gran dependencia da decisión dos nenos, revela que existe unha lagoa informativa nos adultos que dificulta ou obstaculiza a axeitada elección do xoguete.
EROSKI pon en marcha un ano máis a súa campaña infoXogo, destinada a asesorar e a informar os adultos sobre a compra responsable de regalos infantís: xoguetes, videoxogos, libros e tecnoloxía. Esta actividade pode axudar a que os pais dispoñan de información axeitada para unha elección máis responsable.
Oskar González, Coordinador de infoXogo e partícipe na presentación, puxo de manifesto que "a preocupación pola información ao consumidor é un dos valores diferenciais de EROSKI que, dende as súas orixes, destina un 10% dos seus beneficios a impulsar temas relacionados coa solidariedade, o respecto ao medio natural e a formación dos consumidores". Ademais, afirmou que "é neste contexto onde xorde a necesidade dunha campaña como infoXogo, que apoie ao consumidor co asesoramento de pedagogos especializados que o orientan para unha compra responsable de xoguetes".
A campaña infoXogo ofrecerá orientación a través dun equipo de asesores pedagóxicos presentes nos hipermercados EROSKI. Este asesoramento apóiase, ademais, nunha pantalla táctil que, desenvolvida en colaboración con Rocío Ramos-Paúl, orienta ao consumidor na elección do xoguete máis adecuado tomando como referencia as claves pedagóxicas nas distintas etapas de crecemento. Ademais, este software estará dispoñible na web de EROSKI (www.eroski.es) para que poida ser consultado máis doadamente e os consumidores poderán enviar as súas dúbidas sobre o xogo e xoguetes ao correo electrónico infojuego@eroski.es, no que serán atendidas por un equipo de especialista dirixido pola psicóloga Rocío Ramos-Paúl. Ademais, ao longo da campaña, tamén se ofrecerá información a través do perfil EROSKI en Facebook e Twitter.
Este servizo gratuíto de asesoramento pedagóxico para orientar o consumidor na elección de regalos infantís comeza hoxe e concluirá o vindeiro 5 de xaneiro.
Rocío Ramos-Paúl tamén estivo presente hoxe na presentación da campaña e manifestou que "é imprescindible que os pais xoguen cos seus fillos para os coñeceren mellor e para contribuíren no seu crecemento". Ademais, afirmou que "para atinar co xoguete axeitado hai que ter en conta que sexa do agrado do neno e que sexa apropiado para a súa idade".
Amais da información que ofrece Rocío Ramos-Paúl a través das pantallas táctiles instaladas nos hipers de EROSKI, os pais que queiran poderán asistir a actividades como os "Obradoiros de videoxogos" impartidos nos centros de EROSKI.
Aínda que moitos pais desconfían da conveniencia dos novos soportes (tablets, móbiles, videoxogos, etc.), estes poden ter beneficios na educación dos máis pequenos se se utilizan como ferramentas de aprendizaxe e, ademais, poden ser a escusa perfecta para compartir máis tempo en familia.
Todos os contidos pedagóxicos de infoXogo están dispoñibles na páxina web www.eroski.es/infojuego.
A rede componse de 105 hipermercados EROSKI, 989 supermercados (EROSKI/center, EROSKI/city e Caprabo), 59 gasolineiras, 19 cash-carry, 218 oficinas de viaxes EROSKI, 36 tendas de deporte Forum Sport, 281 perfumerías IF e 6 tendas de ocio e cultura Abac, ás que se engaden as 32 plataformas loxísticas. A esta rede súmanse 485 autoservizos franquiados. En Francia, EROSKI conta con 4 hipermercados, 16 supermercados e 17 gasolineiras. En Andorra, con 4 perfumerías IF.
Dende hai 42 anos o 10% dos beneficios de EROSKI destínanse a iniciativas de acción social. A través da Fundación EROSKI canalízanse boa parte deses beneficios, que se reverten na sociedade e que se derivan principalmente a tres tipos de necesidades da comunidade: a información e formación do consumidor, a defensa do medio natural e mais a solidariedade.